Que alegría! Superamos a primeira semana con éxito! Aquí vos imos contar un pouquiño sobre o que fixemos estes días. Estades preparadas, familias? 😬😬
A nosa primeira actividade foi moi divertida. Como boa tribo que somos, non podiamos estar un día máis sen o noso escudo. Deste xeito, dividímonos en pequenos grupos para deseñar o noso propio escudo e definir o noso nome. Cada equipo tivo a oportunidade de expresar quen somos e que valoramos. En último lugar, compartimos as ideas e os elementos que máis nos gustaron de cada escudo, seleccionando aqueles detalles que mellor representaban o noso espírito e os nosos valores. Con todos estes ingredientes, creamos o noso escudo final e seleccionamos o nome para a nosa tribo: A TRIBO DOS MINITALENTOS.
Esta actividade non só nos permitiu coñecernos mellor, senón que tamén fortaleceu as nosas relacións sociais e o traballo en equipo. Aquí vos deixamos unhas fotiños desta proposta... 📷🌟
💃💃 Unha das actividades máis divertidas foi xogar ó Just Dance. Movémonos libremente e seguimos os pasos das coreografías, o que fixo que a experiencia fose moi entretida e chea de risas.
Tamén fixemos ioga! Puidemos relaxarnos, fortalecer o noso corpo e atopar un espazo de calma en medio do día!
📰👩 A xornalista Yolanda García visitounos unha vez máis. Puidemos preguntarlle pola súa experiencia en Kazajistán, un país que está moi mooooooi lonxe de Burela! Sabiades onde está?
Que vos parecen estes debuxos que fixemos? Trátase dun traballo colaborativo, é dicir, un debuxo realizado en grupo. Debuxamos unha personaxe, unha nena, Martina, a partires dunha descrición que se fixo dela. A descrición realizouse mediante pequenos trazos (cara redonda, orellas pequenas...), de xeito que, cada persoa só debuxou a característica que se describiu nese momento. Unha vez acabada, pasamos a folla ao compañeiro da dereita, que debuxou o elemento descrito a continuación, rotando así o debuxo. Neste caso, seguimos o seguinte texto:
Ola! Chámome Martina e teño 6 anos. A miña cara é redonda como a lúa
e teño uns ollos verdes grandes; en forma de castaña
e outro redondo como un botón.
O nariz longo e fino como unha cenoria.
As orellas pequenas como as dun rato.
O pelo rizo como un estropallo, pero os domingos a miña nai pásame o ferro e lévoo liso como unha cortina.
Cando río, como agora, vese que me faltan tres dentes.
Teño o pescozo longo como un cisne.
Levo unha camisa de raias
e un colgante agasallo de meu tito que vive na Suíza.
Un reloxo na man esquerda
e unha pulseira solidaria na dereita.
Gústame moito o deporte, por iso normalmente vou con pantalóns de chándal
e sempre uso zapatos deportivos, menos os domingos.
🎭🎬 E xa, para rematar a semana, fixemos un teatro das emocións! Aquí vos deixamos uns vídeos para que os poidades ver...
Agora, a pola segunda semana! 👋💪
No hay comentarios:
Publicar un comentario